martes, 29 de noviembre de 2011

A lenda de Roldán e as tres costureiras

Esta lenda conta unha historia sucedida hai moito tempo en Vilaniude, no concello de Quiroga, cando Roldán, un comandante franco ao servizo de Carlomagno, estaba na Galiza. Conta a lenda que, estando Roldán paseando a cabalo viu a tres fermosas costureiras que vivían xuntas. A partir daquel día, comezou a visitalas a diario ao pé da súa casa, e tal foi o seu namoramento que comezou a facerlles regalos e velalas polos camiños.
Sen embargo, as rapazas crían que o que Roldán pretendía era rirse delas e burlalas, polo que que fuxían e dicían que non querían escoitalo. Trala insistencia deste, e vendo que non ía darse por vencido, as mozas dixéronlle que só irían con el ás Francias se o río Xares, que naqueles tempos ía o curso por outro lugar, pasaba por diante da súa casa.
Non se sabe que meigallo foi o que utilizou, pero ó día seguinte os veciños das costureiras foron despertalas, amosándolles que o río, efectivamente pasaba por diante da súa casa.
As mozas, que non querían marchar con Roldán, fuxiron por un atallo sen que este nen calquera que as puidese delatar se decatase. Cando Roldán enterouse, alporizouse e comezou a espolear ó seu cabalo, indo á busca das rapazas, que habían faltado á súa palabra.
Non se sabe como pero as costureiras foron quen de cruzar o río, quedando na outra beira, namentres Roldán non sabía por onde fuxiran. Mais non se deu por vencido e continuou  na busca delas, ata que chegou á un alto, dende onde as viu a tres quilómetros de distancia. Tal foi a rabia que colleu ao velas que fixo brincar ao seu cabalo polo río, e sen saber cómo, o cabalo pegou un chimpo caendo a uns cen metros das rapazas, deixando as pegadas das ferraduras na pedra, visibles todavía hoxe en día.
As mozas, que non querían marchar con Roldán e véndose atrapadas e sen saída, comezaron a rezarlle ó diaño, dicindo que antes preferían convertese en pedras que a irse ás Francias. Así foi, o diaño apareceu e converteu en pedra ás rapazas diante das barbas de Roldán, que seica volveuse tolo.
E aínda hoxe en día esas tres pedras pódenser ver, desgastadas pola chuvia e polos rapaces que por alí levan o gando e andan a xogar.
Iván Outón, 2º bacharelato.

No hay comentarios:

Publicar un comentario